DÍA 1 - Actívao!
No concello de Ames sempre se falou moito, pero moito, galego. Secasí parecería que as nenas e nenos xa non o usan tanto coma a xente maior.
- PREGUNTA: Credes que isto é así? Por que poderá ser?
O caso é que esta dúbida chegou ás máis altas instancias, nin mais nin menos que á Real Academia Galega. Por iso nos puxemos en contacto cos vosos profesores e profesoras para investigar o que está a acontecer.
O que descubrimos foi que as nenas e nenos do concello saben falar galego e fálano moi ben, pero é certo que non o falan moito. Parece que precisan facer un pequeno cambio de chip e activar o modo galego!
Entón ocorréusenos un reto:
Serán quen os nenos e nenas de Ames, as súas profesoras e profesores e o monitorado das actividades complementarias de falar en galego durante tres semanas enteiras?
- PREGUNTA: Vós que credes? Atrevédesvos?
Pois é oficial:
A Real Academia Galega reta as escolas de Barouta, Ventín, Agro do Muíño, A Maía, A Igrexa, Covas e Milladoiro a empregar o galego durante vinte e un días seguidos.
Aquí tedes unha mensaxe nada máis e nada menos que do mesmísimo presidente da Real Academia, Víctor Freixanes, animándovos a activar o modo galego:
Se aceptades o desafío e conseguides completalo seguro que os vosos profesores e profesoras volo saberán recompensar. Chegade a un bo acordo!
Durante estas tres semanas veremos neste blog o valiosa que é a nosa lingua e todo o que ten para ofrecernos. Descubriremos tamén o importante que é para o voso concello, nos seus nomes, na súa xente e na súa historia. Pero non só iso, senón que ademais imos comprobar que o galego é unha lingua mundial, para hoxe e para o futuro.
Para a Educación Infantil:
- Destas nenas e nenos tan habilidosos, quen sabe botarse a rolos?
- E máis difícil aínda, saberá algún ou algunha de vós facer un pinchacarneiro?