DÍA 2 - Unha lingua de película!

Parece que ultimamente todo o mundo bota de menos o Xabarín Club. Hai pouco chegáronse a xuntar máis de 30.000 sinaturas para facer unha canle 24 horas do Xabarín.

  • PREGUNTA: Vós coñecedes o Xabarín Club? Seguídelo vendo? Se non, seguro que as vosas profesoras e profesores vos poden contar moito sobre o Club.

Abonda de nostalxia! O certo é que estes últimos anos están a ser moi, pero que moi bos para o audiovisual en galego. Sen ir máis lonxe a película máis premiada este ano nos Goya, o certame de cine máis importante de España, foi unha gravada en galego! 

As Bestas gañou 9 dos 17 premios aos que optaba, entre eles o de mellor película, converténdose nunha das máis premiadas da historia.

Pero aínda máis, este ano houbo dous filmes na nosa lingua nin mais nin menos que no festival internacional de cine de Berlín. Imaxinádesvos os alemáns vendo as nosas películas en galego? Entenderán algo? Matria e Sica únense así ao éxito acadado por outras producións en galego dos últimos anos coma Lúa Vermella ou O que arde.

Pero máis aló das películas que facemos nós, as galegas e galegos somos unha potencia na dobraxe de filmes estranxeiros. De seguro que algúns de vós xa estades a traballar nas aulas nas vosas propias dobraxes divertidas.

De feito, neste último tempo, amais das dobraxes que de sempre se fixeron para a televisión, estamos a ver que plataformas dixitais coma Netflix ou Amazon inclúen cada vez máis contidos en galego nos seus catálogos.

A nós gustáronnos especialmente dúas: a película O monstro mariño de Netflix e a serie Os aneis de poder, a máis vista de Amazon.

Aquí na páxina de Pipocas tedes unha escolma con moitas destas producións das plataformas dixitais en galego.

PREGUNTAS:  
  • E vós, vistes O monstro mariño? En que lingua?
  • E algunha outra serie ou película en galego que poidades recomendar?
  • E unha que non estea na nosa lingua e vos gustaría que estivera?

Se navegades por Internet seguro que sabedes que sempre andan coa leria de cal é a mellor dobraxe, se a latina, se a española... Nós aquí non temos ningunha dúbida, pero mirade este vídeo de Shin Chan e sacade as vosas propias conclusións:



Se queredes ver máis debuxos animados en galego, xa sabedes que están dispoñibles na páxina do Xabarín e na súa app.

 E ata aquí a entrada de hoxe para a primaria!




 

Para a Educación Infantil: 

O campo semántico de hoxe son as películas, os debuxos animados, as historias e os seus heroes e heroínas.
 
Así que preparade uns flocos de millo, acomodádevos nas vosas butacas, acendede o proxector e dádelle volume aos altofalantes, porque imos ao cine!
 
PREGUNTAS: 
  • Cal é a vosa película preferida?
  • E cal é a ou o voso personaxe favorito?

Películas hainas de moitos tipos. A nós, por exemplo, encántannos as comedias porque fan rir. Pero tamén nos gustan as aventuras e a fantasía, porque hai maxia e monstros imaxinarios. As que non nos gustan tanto son as de medo ou terror... porque nos dan arrepíos! Pero sen dúbida, as nosas favoritas son as de superheroes e superheroínas.

Esta canción dos Superheroes explíca moi ben por que!