Día 0 - En que consiste o programa de compromiso lingüístico?
O proxecto Modo galego, actívao! contemplou dende o principio facer unha experiencia de inmersión ao estilo dos 21 días co galego e +. A Real Academia Galega, o Concello de Ames e os centros educativos de educación infantil e primaria decidimos facer colaborativamente unha versión adaptada na que todas as escolas do concello puidesen participar.
O elemento central da experiencia consiste en establecer o compromiso entre o alumnado, o profesorado, o monitorado dos servizos complementarios e outros traballadores e traballadoras dos centros educativos de empregar o galego durante tres semanas.
Como no programa de referencia, a experiencia artellarase mediante un blog que orientará diariamente o seu funcionamento. Cada entrada tratará dun asunto particular e poderá incluír distintos materiais e propostas. As e os titores, participando, adquiren o compromiso de revisar o blog todos os días co alumnado.
Funcionamento xeral do programa:
Na Educación Primaria:
- O alumnado adquirirá o compromiso de empregar o galego durante todo o día, asinando un Acordo de compromiso lingüístico. O titor ou titora exercerá de “representante” da Real Academia Galega, ofrecéndolles un premio da súa elección de cumpriren o acordo. Ademais, cada neno ou nena terá unha folla titulada E hoxe, activaches o modo galego? no que ao final de cada xornada deberán valorar o seu grao de cumprimento do acordo.
- Os venres publicarase no blog un documento cunha proposta de actividades para a semana seguinte. Cada titor ou titora escollerá aquela que considere máis interesante ou factible na súa aula para desenvolvela durante eses días.
- Na entrada deste día, proporase un tema para que o alumnado grave en audio unha breve reflexión persoal durante a fin de semana. Nos primeiros días da semana seguinte, estas serán recollidas polo profesorado, que seleccionará unha e a remitirá ao Seminario de Sociolingüística da RAG. Con estes testemuños prepararase un programa para Ames Radio no que se comentarán dende o punto de vista sociolingüístico.
Na Educación Infantil:
- Baseándonos nas propostas achegadas polas escolas, o programa nestas idades centrarase no traballo da oralidade e o léxico de maneira adaptada. Cada día da semana proporcionarase no blog un campo semántico para escoller coas nenas e nenos “a palabra do día”. Unha vez escollida, as titoras ou titores decidirán a maneira máis axeitada de traballala
- Ademais, todos os días haberá no blog algunha pequena actividade a maiores: responder unha adiviña, ver un vídeo, escoitar unha canción...
- En calquera caso, isto non quita que se poida tamén facer adaptacións das actividades formuladas para a Educación Primaria se así se desexa. Aquí podedes atopar unha versión modificada do documento E hoxe, activaches o modo galego? para imprimir en A4 se credes que é interesante para o voso alumnado.
Que supón a participación para as titoras e titores?
Na Educación Primaria comprométense a:
- Empregar o galego en todas as comunicacións, co alumnado e entre eles.
- Visitar cada día o blog e ler co alumnado a entrada correspondente (15-20 minutos).
- Escoller e desenvolver polo menos unha das actividades da proposta semanal.
- Completar o Acordo de compromiso lingüístico, establecendo un incentivo que considere axeitado ao seu alumnado e posibilidades.
- Deixar 5 minutos ao final do día para que o alumnado complete a folla E hoxe, activaches o Modo galego?, así como recollelas todas ao final da experiencia.
- Recoller
as gravacións da reflexión semanal do alumnado, seleccionar unha e
remitila ao seguinte enderezo: modogalego@academia.gal antes dos xoves.
Na Educación Infantil comprométense a:
- Empregar o galego en todas as comunicacións, co alumnado e entre eles.
- Traballar unha palabra do día dentro do campo semántico proposto no blog.
- Visitar cada día o blog co alumnado e facer a actividade proposta.