DÍA 5 - Remata a primeira semana!


Que xa é venres? Que rápido pasou esta primeira semana! Como estivo de activado ese modo galego?

Comezamos cun repasiño: 

Esta semana vimos que había unha chea de cousas en galego e que podemos facer de todo ou de case todo. Comprobamos que hai películas e series de todo tipo, creadores e creadoras de contido xeniais nas redes sociais e tamén música para todos os gustos.

 

PREGUNTAS:  
  • Que cousa nova descubristes no Modo galego, actívao!
  • Que pensabades que non había en galego e agora sabedes que si?
  • Que cousa credes que non hai en galego e vos gustaría que a houbera?
  • Agora que xa levades unha semana enteira... credes que ides ser quen de cumprir o compromiso os 21 días?

Lembrade que esta fin de semana toca facer unha pequena reflexión sobre como foron estes días e gravala en audio. A duración deberá ser de entre un e dous minutos, non é necesario máis. Velaquí tedes unhas preguntas guía:

  • Como o pasaches esta primeira semana de compromiso?

  • En que momentos foi máis doado cumprilo?

  • Que foi o máis difícil?

  • Que foi o que máis che gustou?

  • E o que menos?

Dito isto, agora si. Nestes días fóronnos chegando moitas fotos e mesmo algúns dos traballos que xa fostes rematando. Aquí compartimos algunhas cousiñas:


No blog do Equipo de Dinamización Lingüística do Agro do Muíño podedes ver os temazos que fixo o alumnado de 2º e de 6º de EP. Igualmente está aí rexistrado o enorme compromiso do alumnado de 5 anos e o biquiño que lle mandan a Esther polo seu saúdo!

O alumnado de Barouta está tamén a tope co modo galego, o Acordo de compromiso fíxoselles pouco e prepararon as súas propias medallas do Modo galego... Activadísimas e activadísimos!

Mentres en Ventín presumen de pulseira e están a tope co Xabarín e a gravación dun dos vídeos promocionais do programa!

Deixámosvos aquí tamén un par de vídeos das divertidísimas dobraxes que fixo o alumnado de 6º de Barouta e máis 2ºC de Ventín. Son para esmendrellarse, moito ollo con facer nos calzóns!




Ademais, onte os directores dos coles de Ventín e Barouta estiveron connosco en Ames Radio falando do proxecto. Aquí tedes a ligazón por se queredes escoitalos (minuto 32 e pico).


Se non vos deu tempo a rematar ou a mandar algo, non vos preocupedes. Lembrade que podedes seguir enviando todo o que queirades facéndollo chegar ao Departamento de Normalización Lingüística do Concello de Ames ou a través do correo do programa modogalego@academial.gal

 

Antes de marchar, achegámosvos un saúdo e unha mensaxe moi, moi fermosa da escritora e membro da Real Academia Galega Fina Casalderrey. Seguro que algún ou algunha de vós xa lestes obras súas, e senón, tempo ao tempo!



Fina acaba de ser nomeada hai uns días ao Premio Hans Christian Andersen, considerado o Nobel da literatura xuvenil! Que mellor que pechar esta primeira semana con outra proba máis de que co galego podemos chegar ata onde queiramos!

E para rematar, xa que falamos tanto de películas, unha recomendación para a fin de semana: A orixe da nosa lingua guapa, un filme producido pola Real Academia Galega, a partir dunha idea de Fina Casalderrey e que contou coa actuación do alumnado do CPI Santa Lucía de Moraña. Pasádeo ben e lembrade que a cabeza non para e o reto non se detén!

Para a Educación Infantil:

Hoxe toca falar da roupa e a vestimenta!

Disque Carolina é unha tola que todo o fai ao revés, íspese pola cabeza e vístese polos pés!

Roupa haina de todas as formas e cores, pero con este frío o mellor será poñer un bo abrigo, uns pantalóns ben quentiños, unhas botas, e non nos esquecer do tapabocas, as luvas ou manoplas e un bo gorro ou pucho.

Aquí tedes un audioconto ben bonito da carapucha máis famosa do planeta.

Nesta ligazón á páxina de Apego tedes un recortable coas prendas de vestir.

E neste vídeo o polbo Po apréndenos a facer o nó dos zapatos.

E para rematar, un dito para facer cóxegas recollido na páxina da Orella Pendella:

Cocheguiñas, cocheguiñas.
Abre a man e solta a outra.
Cocheguiñas, cocheguiñas
pague quen che toque a roupa.