DÍA 10 - A lingua das amesás

Hoxe é o Día Internacional da Muller, data sinalada na loita pola igualdade de xénero coa que todas e todos temos un forte compromiso.

Sabiades que a desigualdade de xénero tamén lle afecta ao noso comportamento lingüístico? As investigacións sociolingüísticas dinnos, por exemplo, que os prexuízos contra as persoas galegofalantes son máis fortes se estas son mulleres. Isto fixo que durante moito tempo elas sentisen unha maior presión para cambiarse ao castelán, considerado máis feminino e que lles quedaba mellor.

Isto, que é tan triste, tivo ademais efectos sobre a transmisión da lingua dentro das familias, xa que as nosas nais e avoas son moi importantes cando aprendemos a falar. Non por nada lle chamamos lingua materna á nosa primeira lingua.

De feito, moitas e moitos estades a entrevistar as vosas maiores para coñecer máis da historia da vosa familia e de vós mesmos.

PREGUNTAS: 

  • A túa nai e o teu pai falan igual ou distinto? En que fala cada un?
  • Na vosa clase falades igual os nenos que as nenas?

A pesar disto, o certo é que a nosa lingua lle debe motísimo ás mulleres. De feito, foi a publicación da obra dunha muller a que inaugurou o Rexurdimento da nosa literatura. A obra chámase Cantares gallegos:

PREGUNTA: Como se chamaba a autora?

Claro que si, foi Rosalía de Castro! Esta foivos ben doada, non si? Como ben sabedes, ela mesma pasou moito tempo na súa infancia na casa familiar de Ortoño, en Ames.

E tanto ou máis importantes seguen a ser a día de hoxe. Na serie Superheroínas, producida pola Real Academia Galega e a Universidade de Santiago podedes coñecer o traballo de moitas mulleres que, en proxectos de todo tipo, levan a nosa lingua por bandeira.

O Portal das Palabras dedica hoxe o seu día ao feminismo, así que non perdades a oportunidade de visitalo e aprender novas palabras para a igualdade.

Neste vídeo podedes coñecer a historia de Filomena Fraga, muller loitadora, poetisa autodidacta e outra amesá ilustre, homenaxeada polo Concello no 2021.

Por se non o sabiades, a páxina do Consello da Cultura Galega ten un álbum especialmente dedicado ás mulleres galegas da historia. E aquí e aquí coleccións de vídeos sobre a contribución das mulleres de Galicia á ciencia universal.

Para ir rematando, non se nos ocorre mellor canción para celebrar este día da muller que Matriarcas de Guadi Galego. E sabedes que? Que Guadi Galego vive en Ames, así que é tamén unha das vosas veciñas. Aquí tedes un saúdo e moito ánimo da súa parte:



Para a Educación Infantil:

Toca falar dos sentimentos e as emocións, pero antes de nada, hoxe temos unha colaboración moi especial de Divina, animadora á lectura da biblioteca municipal, que nos vai narrar unha historia moi acaída para o día no que estamos:

 


Que noxo comer peonias, non si? 

En Galicia temos moitas palabras propias para nos referir aos sentimentos. Por exemplo, nestes días de choiva ás veces éntranos a morriña, a saudade ou a nostalxia. Pero tamén é certo que logo nos aledamos. Ás veces mesmo nos dá por rir ás gargalladas. Cando é así dicimos que escachamos, que nos escangallamos ou mesmo nos esmendrellamos da risa. De calquera maneira, mellor que non nos amolen, xa que rapidamente nos enfurruñamos e ata nos podemos alporizar. Con todo, ao final sempre ficamos calmos, facemos as paces e volven a alegría e a ledicia.

Neste vídeo Esther e mais Digochiño fálannos da intelixencia emocional.

No programa Apego atopamos un xogo de parellas imprimible coas emocións en galego.

E tamén nos libros do Proxecto Artello veredes unha chea de vocabulario e propostas sobre os sentimentos e a personalidade, esta vez no volume 1.