DÍA 11 - Ames e o Seminario de Estudos Galegos
Resulta que este 2023 cúmprense cen anos da fundación do Seminario de Estudos Galegos. Esta foi unha institución pioneira, creada co obxectivo de estudar de maneira científica a realidade natural, cultural e social de Galicia, formar a persoas investigadoras e divulgar os resultados dos traballos realizados.
Xenial, pero que ten isto que ver co concello de Ames? Pois que unha institución tan importante como esta foi fundada no voso concello! Esta é a placa que o recorda na Casa de Rosalía da Tarroeira, na parroquia de Ortoño:
PREGUNTA: Estivestes xa na Casa de Rosalía de Ortoño?
A súa actividade estendeuse por trece anos, ata que foi clausurado pola ditadura franquista. Neste tempo, pasou por el a meirande parte da intelectualidade galeguista, chegando a contar con máis de 170 socios e socias activas. O seu traballo estaba organizado nas seguintes seccións:
- Sección de Filoloxía
- Sección de Arte e Letras
- Sección de Etnografía
- Sección de Historia
- Sección de Prehistoria
- Sección de Xeografía
- Sección de Historia da Arte
- Sección de Historia da Literatura
- Sección de Pedagoxía
- Sección de Ciencias Aplicadas
- Sección de Ciencias Naturais
- Sección de Ciencias Sociais
Todos os membros activos asumían a obriga de desenvolver polo menos unha investigación ao ano dentro do tema das súas seccións, así que imaxinádevos todo o que aprendemos do noso medio, a nosa historia e a nosa cultura grazas ao seu traballo!
PREGUNTA: Seriades quen de imaxinar exemplos de cousas investigaría cada unha das seccións? Lembrade que sempre tiñan que estar relacionados con Galicia.
Nesta páxina do Consello da Cultura podedes consultar toda a información sobre o Seminario de Estudos Galegos e a súa obra.
Sen dúbida, é en boa medida grazas ao esforzo de pioneiras e pioneiros coma estes que a lingua galega está a día de hoxe plenamente asentada nas ciencias. De feito, cantos e cantas de vós formades parte xa do Mini-Seminario de Estudos Galegos?
Na revista dixital de divulgación científica GCiencia ou na páxina da Institución Galega da Ciencia podédesvos manter ao día dos últimos avances da ciencia galega.
PREGUNTAS: Se de maiores fósedes científicos e científicas, sobre que tema vos gustaría investigar?
Neste vídeo de Youtube da Lobeira Today podedes ver unha recompilación das canles dedicadas á divulgación científica en galego.
Nesta ligazón podedes descargar o Calendario científico escolar do CSIC en galego para este ano 2023, para imprimir en A4 e A3. Non perdades a oportunidade de consultar a guía didáctica con propostas para traballar con el diariamente.
Para a Educación Infantil:
Hoxe toca falar de animais, bechos, peixes e paxaros. E falando de animais, aí vos van un par de trabalinguas quitados da web de Orella Pendella. Sodes capaces de repetilos?
Debaixo dunha pipa tinta
hai unha pita pinta;
cando a pipa
tinta pinga,
a pita pinta pía.
Un lobo rubio roe un loro* duro.
Se un lobo rubio o roe, un loro duro o remoe.
Por detrás daquel toxo
vai un pito coxo.
Corre, pito coxo,
pito coxo, corre.
*Lembrade que a forma correcta en galego é papagaio.
Sabedes algún outro trabalinguas, refrán ou canción relacionada cos animais?
O certo é que a rede está chea de materiais para traballar o nome dos animais en galego. Nós aquí achegámosvos algúns:
Neste vídeo podedes ver todos os animais que pasaron durante un ano por debaixo dunha única árbore nos Ancares (É algo longo, así que se o poñedes quizais sería mellor ao dobre de velocidade e sen son). Podédelos nomear todos? Nós identificamos estes: corzos, raposos, xabarís, martas, ratos, ourizos, xenetas e ata unha manda de lobos!
Na súa canle Rogelio Santos cóntanolo todo sobre a fauna mariña dunha maneira súper didáctica.
Nesta entrada da Galipedia tedes o nome en galego das voces dos animais, con fotografía e son incluídos.
Na páxina de Contos.gal podedes ver adaptacións interactivas de contos tradicionais.
Aquí van tamén varios recursos relacionados cos animais da páxina de Aulas Galegas. Botádelle un ollo ás infografías que comparten de Orgullo Galego e as propostas de actividades, como estas.
E lembrade que tedes todo o léxico sobre animais que imaxinedes no segundo volume do Proxecto Artello.