DÍA 12 - E xa van dúas!

Así que dúas semanas xa! Como vai ese modo galego, segue activado? Que non decaia a cousa, que xa non queda nada!

Esta semana falamos do importante que é o galego para Ames e ao revés, o importante que é o concello para a lingua. Empezamos a semana comentando os datos de uso do galego entre a veciñanza, falamos da toponimia do territorio, do papel das mulleres na transmisión da lingua e da historia do concello na investigación científica en galego.

PREGUNTAS

  • Esta segunda semana como se deu a cousa? Foi máis doado ou perdestes algo de impulso?
  • Nestes días soubemos de moitos amesáns e amesás que sobresaíron nas súas profesións levando o galego por bandeira. Gustaríavos ser o seguinte ou a seguinte amesá ilustre? En que campo vos gustaría ser recoñecidos? E como poderiades axudar dende o voso traballo a defender a lingua galega?
  • Visto o visto nestes días, credes que Ames sería igual se o galego non existise? Que cousas cambiarían?
  • Que podedes facer vós para que isto nunca aconteza e que os novos veciños e veciñas do Ames do futuro sigan a gozar da nosa lingua propia? 

Chega outra fin de semana e con ela unha nova reflexión. Pero antes, queremos agradecer moitísimo a vosa colaboración, xa que recibimos unha morea de audios. Tedes máis abaixo a ligazón ao programa en Ames Radio. Por desgraza, por mor do tempo só foi posible emitir unha pequena parte deles, pero todos e cada un resultaron moi, moi interesantes. Veremos a maneira de difundilos no futuro. Grazas outra vez!

Velaquí as preguntas guía:

  • Que diferenzas atopaches no teu compromiso e o dos teus compañeiros e compañeiras entre esta semana e a primeira?
  • Agora que xa levas case dúas semanas falando galego seguido, que cousas cres ti que che axudarían a manterte no galego máis aló destes 21 días.
  • E como pensas que vos poden axudar as persoas maiores?

Nesta ligazón podes acceder a todos os programas do Modo galego, actívao! en Ames Radio. Moitas grazas ao equipo da emisora polo seu traballazo!

E aquí podedes escoitar a reportaxe da Radio Galega no cole de Barouta.

En Agro do Muíño seguen co compromiso a tope. No seu blog continúan a publicar novos programas de Tolos polas mates. Tamén o fermoso mural que lle dedicaron a Rosalía de Castro este 8 de marzo. Os máis cativos, que andan activadísmos e activadísimas, comparten connosco as súas palabras favoritas do galego. Tamén nos dá moita alegría ver ás familias tan involucradas!

En Barouta continúan compartindo no cartafol as súas dobraxes divertidas e tamén instrutivas! Hai algunha foto nova e ata retransmitiron un derbi galego! Mesmo o alumnado da EI se animou co seu propio vídeo. Vemos tamén que están a traballar duro na elaboración da súa árbore lingüística familiar!

De Ventín temos novas fotos da activación do modo galego da corporación municipal. Tamén comparten connosco os avances nas actividades desta semana, novos vídeos de dobraxes, os primeiros froitos do Mini Seminario de Estudos Galegos, un mural para celebrar os cen anos da súa fundación... cantísimas cousas! As familias tamén están súper activadas, tanto que a ANPA está a organizar as súas propias actividades para potenciar o modo galego! Aquí e aquí podedes ver o froito destas iniciativas.

E como non pode ser doutra maneira, despedimos a semana co saúdo doutro veciño ilustre do voso concello. Pakolas ten ademais unha historia moi curiosa co galego, porque aínda que o seu pai o falaba el criouse en México, así que adoptou a nosa lingua xa de maior. Polo ben que a fala ninguén o diría, verdade? Nestoutro vídeo cóntanos un pouquiño máis da súa historia. 




Para a Educación Infantil:

Tanto falar en galego acabou por darnos fame, a vós non? Hoxe o tema son os alimentos!

Outra cousa non, pero en Galicia, de comer sabemos moito. Agora co frío e a choiva o que máis presta é un bo caldiño de verzas ou de repolo, o lacón con grelos, os cocidos... E se sodes máis de peixe, calquera está bo, ao forno, á prancha ou en caldeirada. Sen esquecer por suposto o noso famosísimo polbo á feira. E que hai da sobremesa? Pois diso tamén imos servidos, temos filloas, bicas, torta de queixo e no entroido, orellas.

De primeiro, en Aulas Galegas ofrécennos unha divertida actividade para preparar unha deliciosa sopa.

E falando de polbos, neste vídeo o polbo Po apréndenos a facer unhas riquísimas galletas de nata. E nestoutro aprendemos os nomes das froitas e, de paso, o das cores, todo dunha volta.

E seguindo coa cociña, Esther e mais Digochiño tráennos aquí a receita das filloas, mmm... que fame!

No programa Apego podemos atopar estes manteis imprimibles para aprender a poñer a mesa e mais uns bits con vocabulario dos alimentos imprimibles ou para ver na pantalla.

Se precisades ideas de léxico, lembrade os volumes do Proxecto Artello. Os alimentos están no primeiro deles.