DÍA 15 - Unha lingua minoritaria?
Ola de novo! Arrincamos coa terceira e última semana de compromiso lingüístico do Modo galego, actívao! Xa non queda nada!
- PREGUNTA: Que tal esta segunda finde? Custou máis ou menos que na anterior manter o modo galego activado?
Seguro que desta volta foi pan comido! Esta semana imos falar do presente e futuro da lingua galega.
- PREGUNTA: Que credes vós que lle ten preparado o futuro á lingua galega?
É certo que hai cousas que fan que nos preocupemos moito por isto. Sobre todo, o feito de que as nenas e nenos de agora falen moitísimo menos galego que hai un par de xeracións. Pero a realidade é que, aínda que tivemos tempos ben mellores, o galego segue a ser unha lingua que goza de boa saúde.
Actualmente, no mundo hai máis de 5.500 linguas vivas diferentes (hai quen di que son ata 7.000). Por número de falantes, o galego está no posto 160. Isto significa que estamos dentro do 3% das linguas máis faladas do mundo, concretamente aquí:
En Europa, estamos no posto 23 de 150, o que significa que o galego é máis falado que linguas oficiais de estados, coma o eslovaco, o esloveno, o maltés ou o islandés. Pero ademais se nos fixamos non no número, senón na porcentaxe de falantes, o galego é a lingua rexional (que non é propia dun estado) cunha maior proporción de falantes de toda Europa! Algo para sentirnos orgullosas e orgullosos, ou non?
Pois se hai polo menos 5.500 linguas e só 193 estados, imaxinádevos por aí adiante como está a cousa!
E aínda máis, acabamos de saber que o galego subiu, nin mais nin menos que 13 postos no Informe Calvet, e está no número 37 do mundo. Este é un informe do goberno francés que ordena as linguas segundo a os seu prestixio e peso entre todas as linguas do mundo. Aquí tedes unha breve reportaxe da TVG na que se fan eco desta boa nova.
De feito, o galego segue a ser a lingua materna da maioría da poboación de Galicia, aínda que este ano tivemos a mala noticia de que ao mellor xa non é a máis falada diariamente. Pero isto cambiámolo nós rapidamente, non si?
En todo caso, o certo é que estamos a empregar a nosa lingua moi por debaixo das nosas posibilidades. Pero moito! Imaxinádesvos que todas as galegas e galegos falásemos habitualmente na nosa lingua? Que fose o idioma escollido sempre: cando traballamos, cando facemos unha canción, escribimos un libro, compartimos algo nas redes, imos ao médico, investigamos... Seriamos unha superpotencia mundial!
- Credes que isto é posible?
- Que podedes facer vós para que así sexa? Atrevédesvos?
- Dende Ventín publicaron no seu blog as súas investigacións e árbores familiares, cóntannos máis sobre o concello de Ames e compártennos algunhas das súas reflexións.
- En Barouta engadiron ao cartafol, entre outras cousas, as investigacións dos Mini Seminarios de Estudos Galegos, as entrevistas ás avoas e novas fotos dos xogos populares cos que se divertiron nestes días.
- Agro do Muíño continúan compartindo as súas reflexións e as súas investigacións e árbores lingüísticas familiares.
Para a Educación Infantil:
Esta semana arrincamos falando da nosa xeografía e paisaxe natural. Unha das cousas da que máis orgullosas estamos as galegas e galegos.
A paisaxe do concello de Ames está definida ao norte polos montes e montañas da Serra da Ameixenda, coma O Espiño ou o monte Pedrouzos. O Tambre flúe sinuoso entre as brañas, prados e leiras regalándonos en Tapia unha fermosa praia fluvial, de río, que non de mar. E a vós, onde vos gusta irvos bañar?
Ao sur, o Sar e mais os seus afluentes transcorren entre as lombas e penelas formando o Val da Maía. Aquí a maior elevación é un outeiro chamado a Pena Mosqueira.
Antes de continuar, unha adiviña quitada da web do Concello de Touro
"Por un carreiriño moi mal empedrado ando e non me mollo e sempre vou mollado." Quen son?
Velaquí vos van uns Bits do programa Apego sobre a paisaxe natural e sobre a paisaxe costeira.
Neste vídeo do programa Galicia no Mundo faise unha introdución á nosa paisaxe e xeografía.
E coma sempre, se precisades ideas deste tipo de léxico o volume 2 do Proxecto Artello.