DÍA 16 - Un galego mundial!

Onte falamos da situación do galego entre as linguas do mundo. Actualmente no mundo hai uns 3 millóns de persoas que saben falar galego e non todas viven en Galicia. O galego é coñecido tamén en rexións limítrofes como Asturias ou León, e mesmo hai uns 500.000 galegofalantes espallados polo mundo en países tan afastados como a Arxentina ou Venezuela.

Pero é que ademais o galego é unha lingua de enorme utilidade para nos comunicar con xente que fala outros idiomas. 

Seguro que xa sabedes que o galego e o portugués foron no seu día unha única lingua, polo que están moi emparellados. De feito, o galego e o portugués son intercomprensibles entre si nun 95%. Tanto é así, que hai quen avoga pola adopción da ortografía do portugués para reforzar aínda máis esta semellanza.

  • PREGUNTA: Algúns dos compañeiros e compañeiras chegastes a Ames de países nos que se fala portugués. Que tal se vos dá o galego?
  • Neses países, sabedes se se fala algunha outra lingua ademais do portugués?

Deste xeito, sabendo galego podémonos comunicar con máis de 270 millóns de falantes de portugués, a quinta lingua máis falada do mundo, e acceder a contido de todo tipo neste idioma. Neste mapa tedes situados os países aos que podemos viaxar sen deixar nin por un intre de falar galego:


 

Isto é xenial, xa que en portugués hai moitísimas cousas interesantes para coñecer. Tede conta que Brasil ten 7 canles de Youtube entre as 100 máis grandes do mundo, empatada con Rusia e só por detrás de EEUU (24) e a India (28).

  • PREGUNTA: Vós consumides algún contido audiovisual ou editorial en portugués?

Non sei se estades afeitas e afeitos a ver cousas en portugués, pero o certo é que a xente dos países da lusofonía si parecen ter curiosidade pola nosa lingua. Só é preciso buscar en Youtube "lingua galega" e entrar a ver os comentarios de calquera vídeo. O primeiro que ides ver é unha morea de portugueses e brasileiros que se gaban de entendelo á perfección. É máis, hai brasileiros que din que o galego é para eles máis comprensible incluso que o portugués de Portugal!

Pero por se fose pouco, a utilidade de coñecer moi ben o galego non remata aquí, xa que o galego é unha moi boa base para entender e aprender calquera outra lingua romance.

  • PREGUNTA: Sabedes cales son as linguas romances?

Coñecer á perfección dúas destas linguas, no noso caso o galego e o castelán, dános moitísimas pistas do que poden significar palabras noutros idiomas. Por poñer un exemplo, neste vídeo un tiktokeiro brasileiro cóntanos tres maneiras distintas das linguas para lle chamar a eses buratos das paredes polas que entran a luz e o aire. E resulta que en galego temos as tres!

Pero existen moitísimos máis exemplos. Algún de vós fala italiano? E francés? E romanés? Non sei se dominades estas linguas, pero se sabedes galego, de seguro que sodes capaces de descifrar o significado destas palabras asociándoas entre si.

  • PREGUNTA: Credes que vos sería igual de doado adiviñalas se non soubésedes galego?

Sabemos que moitas e moitos de vós estades xa a traballar na tradución de textos e poemas noutras linguas. Non si?

Isto é porque o noso bilingüismo reforza a nosa competencia plurilingüe ou translingüe, que é unha habilidade que non afecta a un só idioma, senón a todos á vez. Ímolo entender moito mellor cun exemplo:

Interlingua é un idioma inventado e que non ten falantes nativos, coma o esperanto ou o élfico. A súa particularidade é que se baseou nos puntos en común das linguas románicas e outras linguas europeas. O resultado é un idioma que é entendido automaticamente por calquera persoa que fale unha lingua europea (dende o italiano ao galego, pasando polo francés ou ata o alemán) aínda que nunca o estudara. Non me credes? Pois ollade este vídeo e:

 PREGUNTAS:
  • Mirade os comentarios e flipade con toda a xente que o entende. Que idiomas recoñecedes?
  • Atopades en interlingua algunha palabra común co galego? Atentos e atentas!

Que pasada! Ou non?

Para a Educación Infantil:

Hoxe martes falamos das viaxes e os medios de transporte!

Así que facede as maletas e subídeas ao coche, que no aeroporto o avión está xa na pista de aterraxe e listo para engalar! Non esquezades quitar unha foto dende o aire. Cando cheguedes, no aparcadoiro hai un autobús que vos levará pola autoestrada ao voso destino favorito.

  • PREGUNTA: A que sitio do mundo vos gustaría facer unha viaxe?
Este Dic Dac Docs está especialmente dedicado aos medios de transporte e inclúe unha chea de vocabulario.

Velaquí tedes tamén un audioconto moi breve titulado A grande viaxe.

E neste capítulo Os Bolechas arman unha axencia de viaxes.

Dende o programa Apego amenízannos as viaxes cun divertido xogo para cando imos no coche ou no bus.

Máis ideas de léxico relacionado no primeiro volume do Proxecto Artello.