DÍA 17 - Os novos falantes de galego
Para que unha lingua se manteña forte é moi importante que a xente que sempre a usou non a abandone. Porén, isto non é abondo: o galego necesita tamén conseguir novos e novas falantes ou neofalantes. Diso imos falar no día de hoxe.
Ao igual que co inglés, o francés, o portugués ou o alemán, hai xente de todas partes que, por diversos motivos, quere aprender o galego. Aquí tedes o exemplo de Yamini Prabhu, da India, á que lle encanta o galego porque na nosa lingua temos a palabra que traduce exactamente o seu nome. Cal é?
Persoas que visitan Galicia e fican namoradas da nosa cultura aprenden o idioma para saber máis de nós. Algunhas quérense quedar a vivir aquí e buscan así entender a todo o mundo e integrarse mellor entre as súas veciñas e veciños. Pero tamén aprenden galego porque é importante para acceder a moitos traballos:
Acreditar o coñecemento da lingua galega é valorado ou mesmo esixido para ser profesor ou profesora, para traballar no sistema sanitario, nas forzas de seguridade, no ámbito cultural... Pero ademais, o galego é cada vez máis valorado por distintas empresas que queren dar un servizo de calidade na nosa lingua. Por certo, falar galego é tamén un requisito indispensable se queredes traballar na Real Academia Galega ;)
Pero non todos os neofalantes proveñen do estranxeiro. Hai moita xente nada en Galicia que se criou dende sempre en castelán. Porén, chega un día na súa vida no que decide que se vai cambiar ao galego.
- Que credes que pode levar a unha persoa a tomar esta decisión?
- Algún ou algunha de vós se atrevería a dar un paso tan grande coma este?
E tamén hai xente que non é que sexan novos falantes, pois xa o falaban na casa, senón que o seu paso foi animarse a empregar o galego sempre, tamén na escola e coas súas amizades. Tanta xente aprendendo a falar galego e nós, que xa o sabemos, non o imos usar?
Sexa como sexa, estas persoas son a proba vivente de que dá igual se falas na casa ou nunca na vida o falaches: non pasa nada porque mañá te ergas falando galego.
Aquí tedes unha pequena reportaxe sobre o fenómeno do neofalantismo.
E aquí unha reportaxe dos cursos de verán Galego sen fronteiras que imparte a Real Academia Galega e polos que xa pasaron milleiros de alumnas e alumnos de todas partes do mundo. Nestoutra ligazón podedes ver unha listaxe completa dos Centros de Estudos Galegos que hai espallados polo mundo e dos que se fala no vídeo.
E se queredes ver máis testemuños de novos e novas falantes, velaquí vai unha lista de reprodución e mais a canle do proxecto Neofalantes, que ten como obxectivo a animar a xente a pasarse ao galego. Paga a pena botarlles un ollo. Non perdades a oportunidade tampouco de vos pasar pola súa páxina web.
E como vai de neofalantes: velaquí tedes un saúdo e moito ánimo das vosas veciñas e veciños do concello de Ames que están a asistir aos obradoiros En galego, co teu acento!
- Vós axudades normalmente a xente de fóra a aprender o galego?
- Ademais de falándolles galego, como credes que poderiades facelo?
Para a Educación Infantil:
Hoxe imos falar dos oficios e profesións.
Cando eramos pequenos, os meus amigos e amigas querían ser unha bombeira, un policía, un mestre, un veterinario e unha futbolista. Agora son unha paleontóloga, un lepidopterólogo, un herpetocultor, un otorrinolaringólogo e unha gliptógrafa. Non teño nin idea de a que se dedican.
E vós, que queredes ser de maiores?
Neste capítulo da Tropa de trapo os protagonistas comparten os seus oficios soñados.
Dende o programa Apego comparten estes crebacabezas imprimibles das profesións.
Tamén tedes aquí esta divertidísima canción de Uxía Lambona e a Banda Molona.
E máis léxico deste campo semántico no primeiro volume do Programa Artello.