DÍA 18 - O galego é o futuro!
Hoxe é xoves así que quedan só tres días para rematar o reto!
Hai un par de anos fíxose viral un vídeo dunha rapaciña que non era quen de facer que a súa tablet a entendese. O problema? Que ela falaba galego e Siri só entendía castelán!
Ao ano seguinte, conseguiamos que Apple incluíse a posibilidade de ler textos en galego, aínda que as súas interfaces e asistentes de voz seguen sen estar, polo de agora, dispoñibles na nosa lingua.
Seguindo coa asistencia por voz, tampouco Alexa fala galego, pero seica lle podedes intentar activar o modo galego. E vós, tédelo activado?
A situación é distinta en Android onde, grazas á demamanda popular, gozamos dende hai anos da posibilidade de configurar o noso dispositivo en galego. Tamén podemos poñer en galego as nosas tabletas, os ordenadores, empregar os servizos de Google, coma os mapas ou o correo...
- Vós en que linguas tedes os vosos dispositivos electrónicos?
- Sabiades que o idioma no que configuras os teus dispositivos vai condicionar, entre outras cousas, os resultados das túas buscas en internet, a lingua na que se abren as páxinas web e se instalan as aplicacións?
Poderiamos dicir que o galego é unha lingua firmemente asentada nas novas tecnoloxías. Xa falamos aí atrás da súa presenza nas redes sociais, por exemplo. Pero é que ademais está entre as 30 linguas máis empregadas en internet e estímase que na actualidade existen unhas duascentas mil páxinas web en galego.
De feito, ata contamos coa nosa propia extensión de dominio: se vemos unha páxina que remata en .gal, automaticamente sabemos que é da nosa terra.
- PREGUNTA: Que páxinas de internet usades en galego?
Outro bo exemplo é a Galipedia, que con máis de cento noventa mil artigos se sitúa por riba de linguas oficiais de estados coma o noruegués ou o esloveno, e moito por riba de linguas coma o hindi ou o bengalí con catrocentos millóns de falantes cada unha! Non está mal, considerando que todos estes artigos están feitos "á man" e non con tradutores automáticos, coma noutros casos.
E falando de tradutores, o galego conta con multitude de ferramentas dixitais que facilitan traballar con el (a tradución a outros idiomas, a revisión de textos, a corrección automática...), aprendelo, ou simplemente enredar na nosa lingua.
Nesta ligazón tedes unha listaxe súper completa de ferramentas para traballar en lingua galega. Nestoutra atoparedes, por exemplo, unha listaxe de aplicacións que nos facilitarán aprendelo e vivir usándoo.
Pensade que a todo isto podémoslle engadir ademais todo o que temos dispoñible en portugués!
Así e todo, aínda nos queda moito por andar, xa que quedan eidos nos que a presenza do galego é moi reducida. Un deles é o dos videoxogos. É certo que o outro día neste vídeo da serie Superheroínas coñecemos o proxecto The Waylanders. Tamén existen outros xogos galegos como Bullshot, do mesmo estudo, e algúns internacionais ofrecen a posibilidade de xogar en galego, como Minecraft. Ata contamos co noso propio Museo do Videoxogo. Porén, a oferta neste terreo segue a ser cativa e está lonxe, por exemplo, da de películas ou a de música, como ben vimos na primeira semana.
- PREGUNTA: Que videoxogo vos gustaría moito que estivese en galego?
Mentres non medrades e vos convertedes en desenvolvedores e desenvolvedoras dos vosos propios videoxogos, podédesvos manter actualizadas e actualizados lendo a Revista Morcego, unha páxina na nosa lingua especializada nas novas tecnolóxicas e as recensións de videoxogos.
Outro ámbito moi importante para o futuro é o das Intelixencias Artificiais e o procesamento automático de textos. Moitos e moitas de vós estivestes xa a experimentar con Intelixencias Artificiais que se defenden en galego bastante ben, non si? De calquera maneira, estas tecnoloxías van ser cada vez máis importantes no futuro e por iso, para non nos quedar fóra, as científicas e científicos galegos están xa a traballar para que a nosa lingua estea na vangarda.
Como vemos, máis cedo que tarde poderemos interactuar con todos os nosos dispositivos na nosa lingua propia, e desavinzas coma a de Moraima con Siri serán só anécdotas do pasado.
Moito ánimo a todas e todos nesta recta final do desafío! A dalo todo co modo galego!
Para a Educación Infantil:
Penúltimo día e o tema de hoxe son as máquinas, os aparellos e outros utensilios.
- PREGUNTA: Que máquinas e aparellos tedes nas vosas casas?
Vivimos rodeados de máquinas que fan a nosa vida un pouquiño máis doada: a lavadora deixou os lavadoiros baleiros e a aspiradora xubilou a vasoira. Na neveira mantemos os alimentos frescos e co torrador e co espremedor temos o almorzo listo nun amén. O xantar preparámolo tamén nun chiscar de ollo grazas á vitrocerámica o forno ou a fritideira. E o mellor de todo é que o lavalouza nos aforra a preguiza de fregar ao rematar. Así, o tempo que gañamos podémolo aproveitar para pasmar diante da televisión, ou da tableta, ou da computadora, ou do móbil... será por pantallas para paponear!
Neste Dic dac doc fálannos da casa e as cousas que atopamos nela, entre outras, unha chea de electrodomésticos.
Neste capítulo dos Bolechas, Braulio preséntanos a súa máquina automática.
Velaquí unha listaxe dos nomes correctos de moitos aparellos e utensilios.
E nesta ligazón, dende Aulas Galegas propóñennos inventar e facer os nosos propios circuítos eléctricos.