DÍA 19 - E non hai dúas sen tres!

E xa case rematamos!

Esta semana vimos que o galego non é unha lingua pequecha para falar entre nós, senón que é o noso mellor recurso para abrirnos ao mundo. Agora sabemos que a nosa lingua é unha ponte para comunicarnos con toda a lusofonía e aprender novos idiomas. Tamén que hai xente de todas as partes do mundo que ama o galego e se esforza por aprendelo e utilizalo.

PREGUNTAS:

  • Como foi esta terceira semana? Désteslle un empurrón final ou xa pasastes do tema?
  • Despois do visto esta semana, como credes que lle vai ir ao galego no futuro?
  • E vós, credes que ides falar máis galego a partir de agora?

Descubrimos tamén que pouco a pouco nos imos abrindo paso nas novas tecnoloxías, asegurando o futuro da nosa lingua e dos nosos dereitos como falantes no mundo dixital. Na actualidade temos tradutores, subtítulos automáticos e en moi pouco tempo mesmo haberá dobraxes sintéticas á lingua da nosa escolla en vivo e en directo. Polo de agora aprender novos idiomas segue a ser importante para comunicarnos globalmente, pero segundo avanza a tecnoloxía preguntámonos se isto vai ser sempre necesario. Quizais nun futuro próximo a comunicación estea garantida por estas novas ferramentas.

Talvez entón o maior valor de coñecer e usar linguas distintas non sexa atopar un bo traballo no estranxeiro, senón o que podemos aprender delas e o que estas fan de nós. Chegue ou non chegue ese momento, o importante é que teñamos claro que o galego é o que nos fai únicos no mundo e por iso temos que estar orgullosos e orgullosas del, coidalo e utilizalo ao máximo, para que se manteña ben forte.

Aínda que esta finde remata o programa, gustaríanos que compartísedes con nós as vosas valoracións desta experiencia de compromiso lingüístico. Así que aí van as preguntas para a reflexión desta fin de semana:

  • Gustouche participar no Modo galego, actívao?
  • Aprendiches algo novo? O que?
  • Cres que ti e mais os teus compañeiros e compañeiras cumpristes o compromiso?
  • Cres que vas falar máis galego a partir de agora?
  • Animaríaste a estender o compromiso, esta vez sen data de caducidade?

E para rematar, hoxe traémosvos unha sorpresa. Aquí tedes un dos vídeos da campaña Modo galego, actívao!, nesta ocasión protagonizado polo alumnado do CEP de Ventín. Poñéndonos na pel de Antía, unha nena galegofalante deste cole de Ames, imos reflexionar sobre as decisións que tomamos día a día respecto da lingua. Parabéns a todos e todas as que participastes pola vosa actuación! Estades para un Mestre Mateo!

Lembrade que o día 21 aínda é o domingo, así que a dalo todo esta fin de semana. Agardámosvos aquí o luns coa nosa despedida e compartindo o traballo de todos os coles.

Aproveitamos para recordarlle ao profesorado que nos remitan todos os traballos que queiran compartir.

Velaquí vai o programa de onte en Ames Radio coas vosas reflexións, esta vez as vosas profesoras Paula Casal de Barouta e Mariola Varela de Ventín, e Rosa Moreiras do Concello de Ames, cóntannos como se viviu a experiencia dende dentro.

E seguimos recibindo traballos dos coles:

Agro do Muíño compártenos as súas árbores lingüísticas familiares e mais unha chea de adiviñas! A ver cantas acertades! Velaquí van tamén novas dobraxes divertidas. E por último, o alumnado da EI, que tamén traballou arreo, cóntannos que queren ser de maiores.

Barouta segue tamén a compartir os seus traballos. Hai cousas novas en case todos os cartafoles! Aquí tedes as entrevistas que lles fixeron ás súas maiores para coñecer a árbore lingüística familiar e aquí podedes descubir todo sobre os membros do Seminario de Estudos Galegos.

A Xanela de Ventín tráenos tamén un pouco de todo: aquí podedes ver entrevistas ás avoas e árbores lingüísticas, audiocontos, reflexións, traballos sobre a xeografía amesá... e aquí algúns avances da terceira semana, coas súas reflexións sobre a importancia dos novos falantes de galego.

Para a Educación Infantil:

Para as nenas e nenos de infantil o derradeiro día toca escoller a vosa palabra favorita!

Nestes días, traballamos moito, ás veces mesmo con máquinas e aparellos, pero tamén xogamos e pasámolo de cine compartindo afeccións coma a música e o deporte. Vestímonos guapos e guapas, saímos de paseo pola rúa, coñecemos as plantas e animais da nosa paisaxe. Nesta viaxe probamos novos sabores e vivimos fortes emocións. E polo camiño aprendemos unha chea de palabras novas da nosa lingua. Pero aínda nos quedan moitísimas por descubrir! Cal é a vosa palabra favorita do galego?

E hoxe para despedirnos, aquí tedes esta canción de Magín Blanco, que vos manda da súa parte outro saúdo agarimoso! Marchamos, que temos que marchar!