DÍA 3 - Nas redes do galego
- Seguides alguén nas redes sociais? A quen?
- En que lingua fala normalmente?
- Coñecedes alguén que sempre fale galego nas redes?
O certo é que Internet está cheo de creadoras e creadores de contido na nosa lingua: na páxina de Somos Cultura podedes atopar proxectos en galego de calquera cousa que imaxinedes.
Algunhas iniciativas coma a de Orgullo Galego acadaron centos de miles de seguidores simplemente falando da nosa lingua e a nosa cultura. Se estades orgullosos e orgullosas de ser galegos e galegas, non perdades a oportunidade de seguilos!
Mesmo algúns dos coles que estades a participar no Modo galego, actívao! tedes as vosas propias canles de Youtube, como é o caso dos Baroutubers do CEIP de Barouta, onde o alumnado publica recensións dos libros que vai lendo. Tamén sabemos que nalgunhas aulas estades a traballar agora mesmo en facer os vosos propios vídeos de curiosidades e titoriais, non si?
Quen sabe, quizais algún día optedes a algún dos premios do certame Youtubeiras, que se celebra todos os anos coa colaboración do voso Concello.
En resumo, en galego temos youtubeiros e youtubeiras, tuiteiros e tuiteiras e mesmo instagrameiros e instagrameiras. Pero onde parece que o galego está a ter máis éxito é entre as tiktokeiras e os tiktokeiros:
- PREGUNTA: Cantas visualizacións credes que suma a etiqueta #galego nesta rede?
- RESPOSTA: (Seleccionade o texto co rato para vela) Douscentos cincuenta e cinco millóns e medio de visualizacións en TikTok!
Son moitísimas, non si? Pois boa parte destas visitas son grazas á canle máis top desta plataforma, que de seguro coñecedes:
O TikTok do Dígocho eu! ten agora mesmo máis de 300.000 seguidores e case 8 millóns de likes!
Pois a que non sabedes quen mandou un saúdo especial para todas as nenas e nenos de Ames que participades no Modo galego, actívao? Dádelle ao play que ides caer de cu!
E antes de rematar:
- Se tivésedes a oportunidade de ter unha canle moi coñecida nas redes sociais de que falariades nela?
Pois ata aquí a entrada de hoxe.
Para a Educación Infantil:
Hoxe toca falar dos deportes e as afeccións, así que ídevos estarricando, espreguizando ou estricando e movédevos un pouquiño para quecer, porque facer exercicio é moi divertido e saudable.
Ademais, existen opcións para todos os gustos, como ben nos explican neste vídeo Digochiño e mais Esther.
- E a vós, gústavos algún deporte?
- E hai algunha outra cousa que vos guste moito facer?
Nesta ligazón tedes unha chea de léxico relacionado coa actividade física. Aínda que é dun temario para maiores, hai frases moi divertidas que seguro que podedes aproveitar.
E nesta lista de reprodución tedes unha morea de vídeos sobre deportes e o vocabulario en galego.