DÍA 4 - A novísima canción galega

Hoxe é xoves, xa queda menos para a fin de semana e non sei a vós, pero na Real Academia Galega o corpo pídenos bailar!

PREGUNTAS:  
  • Se quixésedes facer unha canción que fose un exitazo mundial, fariádela en galego ou en inglés?
  • Ocórresevos algún grupo de Galicia famoso que cante en inglés?
  • E en galego?

Pois non sei a vós, pero a nós véñennos á cabeza unha chea de artistas que foron polo mundo adiante presumindo da nosa lingua e da nosa cultura.

De feito, Ahí ven o maio, é o disco máis vendido da historia de Galicia ata o día de hoxe. Vendeu máis de cincocentas mil copias! Medio millón! Foi gravado hai xa case medio século, nos últimos anos da ditadura, nunha época na que as e os nosos artistas se lanzaron á defensa da liberdade e da nosa cultura. E como non, foi gravado cento por cento en galego.

Pero non estamos aquí para falar do pasado, senón do presente e do futuro!

  • PREGUNTA: O outro día escoitei un grupo de rapazas que me gustou moitísimo, pero non lembro ben o nome... era algo así como Teixugueira ou Tan Xilgueiras... Sabedes que grupo pode ser?

Iso era! Eran as Tanxugueiras e a canción era esta! De seguro que xa a coñeciades.

E falando de música, chegou ás nosas orellas que nalgunhas aulas o alumnado está a preparar as súas propias cancións. Que ganas de escoitar o próximo éxito da música galega!

Mentres tanto, velaquí unha súper lista de reprodución feita pola xente de Orgullo Galego. Mirade a ver se coñecedes algunha canción.

Aquí tedes moitas outras listas ordenadas por estilos. Se facedes clic na canción podedes escoitar un cachiño, e se premedes no título da colección podedes ver a listaxe de temas enteira no Spotify.

Escollede o estilo que máis vos guste, mirade cantísimas bandas e cancións distintas hai e descubride música nova!

  • PREGUNTA: Antes de rematar, non sei se chegado este punto cantastes ou non, pero se non, non vos librades. Sabedes algunha canción en galego? Pois veña!

Para a Educación Infantil: 

A temática de hoxe é a música e os instrumentos musicais. Pero antes de nada, temos un saúdo moi especial para os máis pequechos do Modo galego, actívao!

Magín Blanco anímavos a activar o modo galego:

 


E non so iso, senón que ademais nos manda unha canción do seu próximo disco, en primicia exclusiva para todas as nenas e nenos do concello de Ames! Que majín que é este Magín!

Titúlase OLA AMIGOS e soa así:

 



Instrumentos hainos de moitos tipos, por exemplo, de corda, como a guitarra ou o violín. Hai outros que son de vento, como a gaita ou o chifre. E tamén os hai de percusión, coma o bombo ou o tamboril.

Neste vídeo do Dígocho eu Esther fálanos do nome dos instrumentos de orquestra en galego.

En Galicia tocamos a frauta e a zanfona, os crótalos ou pratiños e as castañolas, o contrabaixo e mesmo a bandurra. Pero ademais, na nosa música tradicional facemos un instrumento de case calquera cousa: unhas cunchas, unhas culleres, unha tixola, un sacho ou un caixón de pemento en especia, vale doce ou picante ;). Calquera cousa é boa para facer unha festa!

Neste vídeo Suso Vaamonde e Xose Lois Romero amósannos moitos destes instrumentos. Podemos intentar nomealos, ver cales non son só instrumentos...

Se precisades axuda, seguro que na páxina do Consello da Cultura Galega podedes atopar o nome de todos e cada un.

Un extra para os máis grandiños: este xogo do Portal das Palabras vai de adiviñar instrumentos. E neste hai que nomealos pola foto.