DÍA 8 - A lingua de Ames!

 Arrincamos a segunda semana de compromiso lingüístico do Modo galego, actívao!

  • PREGUNTA: Como foi a finde? Co modo galego activado?
Seguro que si! Esta semana imos falar da lingua de Ames: o galego!
O galego está nos beizos dos vosos veciños e veciñas, pero tamén no nome das aldeas e vilas do voso concello, na súa historia e, en resumo, en todo o que vos arrodea.
Se vos parece ben, hoxe imos dedicar a entrada a coñecer uns datos que nos axudarán a entender mellor o sitio no que vivides.
  • Nos últimos anos, o concello de Ames medrou moitísimo, multiplicando por tres a súa poboación:
 
Parte desta medra foi grazas á chegada dunha morea de xente de todos os puntos do planeta. Hoxe en Ames tedes a sorte de ter veciños e veciñas de máis de 70 países distintos. Isto significa que, sen saír do voso concello, podedes coñecer a persoas de máis dun terzo dos países totais. Un mundo enteiro á porta das vosas casas!
  • Ademais, ao medrar tan rápido converteuse nun dos concellos con máis nenos e nenas de toda Galicia. Por iso tedes os coles e os parques cheos de rapazada para xogar. Vaia sorte para vós nacerdes en Ames!
 
  • Secasí, todas estas cousas boas tiveron unha contra. A lingua galega empezouse a falar un pouquiño menos, e logo outro pouquiño menos, ata tal punto que na vosa xeración deixou de ser a lingua maioritaria.



PREGUNTAS:
  • Por que credes que isto puido ser así?
  • Credes que estades a tempo de cambialo?
  • Como se podería facer?
  • Na última gráfica: vós, onde estades?
Dende a Real Academia Galega agardamos que todos e todas responderades cun enorme SI! á segunda pregunta. Polo pronto, as alumnas e alumnos do CEP de Ventín xa lle activaron o modo galego ao propio alcalde!
 

Antes de rematar, a semana pasada falamos das dobraxes en galego. Lembrádesvos? Por casualidade non comentariades algo das bólas máxicas... De seguro que si. Pero o que fixo, fixo que non sabiades é que Son Goku, o súper guerreiro máis poderoso de todos os tempos, é un veciño do voso concello!
Velaquí un saúdo del para todas as nenas e nenos de Ames:
 

 
Para máis información sobre a vosa poboación, aquí tedes a páxina do Concello.
Nestoutra ligazón, todos os datos demográficos do concello que imaxinedes. Como estamos co modo galego activado, en Chrome clic dereito → Traducir ao galego.
 
Para información sociolingüística, na páxina da Real Academia Galega podedes descargar o Mapa sociolingüístico escolar de Ames (2021), Prácticas lingüísticas na infancia: A xestión lingüística nos primeiros contextos de socialización (2021) e A lingua no CEIP Agro do Muíño (2018), os estudos que deron pé ao Modo galego, actívao! Non perdades tampouco a oportunidade de lle botar unha ollada a Ideas para un plurilingüismo dende o galego no concello de Ames (2021), unha guía especialmente pensada para o profesorado do concello.
 
Titoras e titores, non vos esquezades de seleccionar e remitir as gravacións das reflexións a modogalego@academia.gal

 

Para a Educación Infantil:

Comezamos a semana falando das árbores e as plantas. 

Xa logo chega a primavera e con ela a paisaxe énchese de flores e froitos. Nas fragas, carballeiras e soutos, carballos, castiñeiros, bidueiros e amieiros recuperan o verdor da súa follaxe. Nos prados e corredoiras aparece o branco das margaridas, o violeta dos estraloques ou o amarelo da celidonia.

Aquí Esther explícanos os nomes das flores e aquí ela e máis Digochiño deseñan o seu xardín ideal.

Na páxina de Aulas Galegas tedes fichas cos nomes das árbores e tamén unha  actividade ao redor das flores. No blog de Xogos de Lingua atopamos esta proposta que, adaptada, pode servir para traballar asemade as letras e mais as flores e plantas.