DÍA 9 - A terra que pisades, polo seu nome

Os nomes dos lugares son unha expresión máis da nosa lingua propia que a vincula de xeito directo coa terra na que vivimos. Por iso, hoxe imos falar da toponimia, que é o estudo destes nomes, da súa historia e o seu significado.

PREGUNTA:  Quen adiviña de onde vén Ames, o nome do concello?

Opción A: Relaciónase coa auga.

Opción B: Relaciónase co amor.

Opción C: Relaciónase coa meseta.

A resposta tédela neste vídeo do catedrático Ramón Lorenzo, outro veciño ilustre do voso concello.

O concello de Ames está formado por once parroquias: Agrón, A Ameixenda, Ames, Biduído, Bugallido, Covas, Lens, Ortoño, Piñeiro, Tapia e Trasmonte. Velaquí vos van, postas no mapa do concello.

 

Se atendedes ás cores, veredes máis escuras aquelas parroquias nas que se fala máis galego e máis claras nas que menos.

PREGUNTA:  Saberiades dicir en que parroquia está situada a vosa escola? E as vosas casas?

Seguro que non tedes ningún problema en situalas, xa que moitos e moitas de vós mesmo estades a traballar na elaboración dos vosos propios mapas do concello.

Nestoutro vídeo Ramón Lorenzo explica, esta vez acompañado de Vicente Feijoo, o significado do nome da parroquia de Bugallido. Recoñecedes onde están? Vicente traballa no Seminario de Onomástica da Real Academia Galega e vive en Bertamiráns, así que tamén é veciño do concello!

PREGUNTA:  Ocórresevos de onde poden vir os nomes do resto das parroquias? Vale inventar!

Se queredes saber todo sobre os topónimos do voso concello, neste libro tédelos recompilados e analizados. Buscade o significado real do nome das parroquias e a ver se acertastes!

Ademais, na aplicación de Galicia Nomeada podedes ver todos os microtopónimos (nomes de fontes, camiños, leiras...) rexistrados no voso territorio. É unha iniciativa colaborativa, así que podedes contribuír engadindo nomes, se coñecedes algún que non estea rexistrado.

Continuamos tamén a recibir os froitos das actividades da semana pasada. Que maneira de traballar a desta xente! 

  • Nesta ligazón á Xanela de Ventín podedes ver unha morea de dobraxes divertidas, cancións, fotos e reflexións.
  • O cole de Barouta comparte tamén connosco esta carpeta na que podedes ver dobraxes de pelis e videoxogos e mesmo un titorial ao máis puro estilo do Dígocho eu! Con bico para Esther e Digochiño incluído.
  • O CEIP A Maía tamén nos conta como foi esta semana no seu centro coa sinatura do Acordo de compromiso lingüístico.
  • Agro do Muíño segue a subir cousas no seu blog engadindo, ademais de vídeos novos,  algunhas das reflexións do seu alumnado sobre a experiencia na primeira semana.

Para a Educación Infantil:

Neste día imos falar da nosa contorna, aprendendo o nome das cousas da rúa.

Saímos dar un paseo para ver os escaparates dos negocios. A verdade é que venden de todo, roupa, electrodomésticos... por exemplo na ferraxería teñen todas as ferramentas que imaxinemos. Tamén os hai de comida, como a froitería e a peixería, pero sen dúbida a nosa favorita é a tenda de xoguetes. Camiñamos pola beirarrúa, porque hai moito tráfico, e cruzamos polo paso de peóns, esperando a que o semáforo se poña en verde. Imos da man e con moito coidado, prestando atención a todos os sinais e os carteis

Cando remata a vila, os camiños fanse de terra. Os edificios van deixando paso aos prados e ás leiras, separadas por valados. Tamén hai menos xente, aínda que polas corredoiras pasan os veciños no tractor e ás veces tamén os animais.

 Aquí e aquí tedes bits para ver en pantalla sobre a nosa contorna.

E neste Dic dac doc cóntannos unha chea de cousas da paisaxe urbana.

No segundo libro de léxico do Proxecto Artello, tedes capítulos especialmente dedicados ao medio urbano e rural. Ademais dunha enorme cantidade de léxico para traballar os temas destes días e os que virán! 

Aquí o alumnado do IES Plurilingüe Vilaxoán comparte un Brincaletra das cousas da rúa para poñer a proba os coñecementos dos máis grandiños.