DÍA 21+1 - E chegou o día!
E agora si, rematamos coas 3 semanas de compromiso co galego.
Parabéns a todas e todos polo voso esforzo!!!
Agardamos que o pasásedes moi ben, que aprendésedes moitas cousas novas e, sobre todo, que acadásedes a confianza e as ganas para empregar o galego moito máis de agora en diante. De feito, nada nos gustaría máis na Real Academia Galega que que algún ou algunha de vós deixase o modo galego activado para sempre!
E por fin, cousa prometida é medio debida; e debida enteiramente, se, quen prometeu, non minte. Por iso, se cumpristes o reto, este é un bo momento para lle lembrar ás vosas profesoras e profesores a súa parte do acordo! A gozar dos vosos premios!
Aproveitamos esta derradeira entrada no blog para convidarvos a todas e todos ao evento de presentación e valoración dos resultados da experiencia, este mércores na Casa da Cultura de Bertamiráns. Velaquí vai o convite con toda a información:
Por último, compartimos convosco os traballos da terceira semana que nos foron chegando dos centros:
No cartafol de Barouta atopamos unha chea de cousas novas, pero sobre todo botádelle un ollo ás actividades das e dos neofalantes e ás árbores lingüísticas familiares que fixeron en infantil, están moi pero que moi ben. Parabéns!
Ventín comparte no seu blog os traballos da última semana, que inclúen un pouquiño de todo: novos falantes para o galego, adaptacións de poesías e cancións universais ao galego, entrevistas a maiores... e ata un saúdo do xogador de baloncesto Alberto Corbacho!
Dende Agro do Muíño comparten connosco a súa avaliación da experiencia no último día. Ademais, as nenas e nenos de infantil seguen a contarnos cales son as súas palabras favoritas na nosa lingua!
Neste último día, as escolas infantís da Igrexa e Covas achégannos unha recompilación de fotografías, para que vexamos que ben o pasaron e cantísimo traballaron tamén as nenas e nenos destes centros nestas tres semanas. Que pasada!
E para rematar a EEI de Milladoiro envíanos unha ligazón ao seu blog no que podedes ver o resumo do traballo semanal e o mural que fixeron coas súas palabras do día. Moito traballaron!
Antes de nos despedir, querémosvos agradecer o esforzo e dedicación posta nestes días, no nome da Real Academia Galega e o Concello de Ames. Ao profesorado do CEIP de Barouta, o CEP de Ventín, o CEIP Agro do Muíño, o CEIP A Maía e tamén das EEI de Covas, A Igrexa e de Milladoiro. Tamén ás e aos profesionais dos servizos complementarios do concello. Un recoñecemento especial aos Equipos de Dinamización da Lingua Galega de todos estes centros, ás ANPAs e o conxunto das familias e, por suposto, a todas as nenas e nenos que o deron todo nestes vinte e un días. Grazas a todos e a todas, e lembrade: